jueves 26 de noviembre de 2009

Dinme de conta
de que a miña soidade
era total
cando o meu ouvido
era quen
de percibir os sons
dos actos involuntarios do corpo.
O rebulir do sangue polas veas
como afluentes tolos
de ríos escuros
fluindo por cumios salgados;
o cruxir das articulacións
nun rechinar estridente.
Perdinme
nesta coral cacofónica
que clamaba
o meu cénit no cadafalso;
agarda xa o cadaleito
no que o meu cadáver encolleito
repousaría.
Harmonía intrínseca
e cese de todo son.
O mundo enmudece
de súpeto
para non volver falar
endexamais.
Como te atoparías ti,
cando o teu corazón,
ao igual que o meu,
deixe de bombear substancias
de vital esencia?
Pérdome,
susurros sibilantes
axóuxeres sentimentais
e ruxerruxes triviais
amosan desexos asasinos.
Coido que Caronte
xa me está a agardar
ao outro lado
dese río pantanoso
no que habitan critaturas
escuras e fedorentas,
dese horizonte de sucesos
do que non sairei xa,
as miñas células despídense
do mundo
da vida
do ar.

lunes 16 de noviembre de 2009


Como saben
os recordos?
Coido que onte
sen me decatar
estiven a roer
nunha ducia deles.
Teñen unha tosca textura
e, co contacto coa lingua,
eclosionan na saliva.
Baixan saltaríns
pola gorxa
deixando
unha doce amargura
ao seu paso
semellante a un fume negro
e espeso.
Abren camiños
estridentes e escuros
ateigados de señalizacións
incongruentes,
complexas de interpretar.
Deixan surcos ben labrados
con técnicas máis profundas
que o trépano,
imposibles de borrar;
restos
que amosan
a evidente decadencia
á que estiveron expostos.
Ti e mais eu
fomos anacos
dunha ponte
agora olvidada
e derruída
pola que ninguén pensaría
en atravesar
as turbulentas augas
que tentaban salvar.
Fomos pensamentos
que quedaron
no subconsciente
sen sair endexamais
dos soños
nesa chamada fase rem.
Pétalos escuros
de luces descoñecidas,
protagonistas dun dúo pantasma
que quizais nunca estivo aí;
notas improvisadas
dalgunha gravación
perdida
dunha loca intérprete
do jazz máis experimental.

jueves 5 de noviembre de 2009



Nunha escea sórdida
de paixón acentuada
os meus sentidos recréanse
percibindo os aromas políglotas
que falan de paraxes
inhóspitas.
Insectos fráxiles voando
en agrupacións solitarias;
recreacións de castelos medievais
con diversidade permanente,
nos que aínda quedan pegadas de raíñas
e rastros de belicosidade.
Chégannos fráxiles sons
de esceas bucólicas
nas pradeiras dalgún océano
aínda por nomear.
Recuperamos a froita prohibida,
esa doce traizón
tan tentadora como cruel.
Ese sabor doce
que deixa un regusto ácido
retendo a culpabilidade.
Cociñarei as ideas
a fogo lento, paseniño...
Se cadra ata lle engado
o meu ingrediente segredo:
luxuria.

martes 27 de octubre de 2009

Ver figuras desdebuxadas
na noite pecha
dende a fiestra.
Ouvir acordes disonantes
e escoitar a melodía
de pensamentos enleados
e superpostos,
unha escea caótica, surrealista.
Adoito ficar queda,
no enxordecedor silencio da noite;
agochada da miña "eu",
das pantasmas que recorren
o cuarto en penumbra.
Da textura da pel,
do esvarar das mans polo corpo.
Das sensacións que mundan
ao pechar os ollos...
A miña mente
viaxa imaxina experimenta.
O arrecendo a café
esperta os meus sentidos
e trae ese recordo que,
sen querelo,
andaba a buscar,
ese teu sabor, docemente amargo.

sábado 10 de octubre de 2009

muscicalízame



Susúrrame
moi baixiño
ao ouvido
os teus soños
na noite.
Faino
nun crescendo
que descenda
a un piano súbito
de maneira progresiva,
sen alterar a orde.
Dalle cor
aos meus sentidos,
fai debuxos
no ar húmido
da noite.
Descende
paseniñamente
enleándote de cando en vez
nos acordes dos meus cabelos.
Sorrí nun alegre pizzicato xoguetón.
Bícame
nun enterno
andante ad líbitum.

jueves 17 de septiembre de 2009


Non me fagas
dormir soa
agora que me acostumei
á calor do teu corpo.
O teu arrecendo
segue nas miñas sabas
e nos meus sentidos.
Espero a túa chamada
na doorosa soidade
da que me fixeche escrava;
esa feliz dor
sempre presente no amor,
esa vertixe continua
e sosegada,
mal de namoramento.
Caín
mais deixa que sexa eu
a que me erga
soa
para cando ti
xa non esteas
ao meu carón.
Hoxe todos os recordos
caíron dende o balcón
do meu ático
esnaquizándose en anaquiños
e cravándose en todos os poros
do meu ser
formando xa, parte de min.
A miña música énchese de tristura,
de profundos sostidos
que me esnaquizan,
de tonalidades dilatadas
e cadenzas prolongadas, sostidas, rotas...

viernes 7 de agosto de 2009


Hai pouco
aprendín
que dous números
impares
fusiónanse
nun impar.
Acostúmome
ao teu ollar
divertido
cando che falo
de cousas lonxanas
que non consegues
imaxinar nítidamente.
Gústame ser fría
e cálida
para que
o noso
non sexa
monótono,
mecánico.
Prefiro
que fuxamos
das rutinas
e non reparar
no predecibel.
Quero durmir
así enroscadiña
no espazo do cero
do dez e medio
e sorrir
mentres lembro
o noso camiñar acompasado…

jueves 25 de junio de 2009

Encho
o meu blog de notas
de centos de verbas
inconexas
que tentan darlle forma
á complexidade
dos meus pensamentos
enleados
coma os fíos das Parcas
que nin os propios
deuses poden alterar.
A miña paixón
é constante
como as ondas
que tanto me gustan.
Irregular,
impredecibel
pero constante…
Gústame imaxinarte
cálido, preguiceiro
e constante…
Penso melodías
para darlle son
ao noso amor.
Non quero facer disto
unha comedia romántica
é só que
ás veces
gústame imaxinar
que todo foi sinxelo
e olvidarme
da complexidade
só por unha vez.
Encántame
recorrer cun dedo
os teus beizos
e mirarte aos ollos
longamente…
Quero que fundamos
unha vez máis
as octavas das nosas voces
en efémeras composicións.
E ollar milleiros de
estrelas fugaces
na humidade da noite
mentres formulamos
o noso primeiro desexo.
Constancia...